viernes, 4 de diciembre de 2015

Contido tema 5 para o 2º parcial da 1ª avaliación


Deixo aquí o contido que ditei estas semanas e que forma parte da materia da próxima proba.


A revolución demográfica en España:

- O crecemento da poboación foi menos intenso que no resto de Europa, debido a un menor descenso da mortalidade e a emigración exterior (principalmente a América do Sur).

- Existiu tamén una emigración interior dende o campo cara á cidade e dende o interior cara á costa. Aínda así, a poboación española continuou sendo maioritariamente rural durante o século XIX (sobre o 70% da poboación vivía no campo, e máis que iso en Galicia)


A revolución agrícola en España:

- Intentouse realizar unha reforma para distribuír a propiedade da terra, con dúas desamortizacións (expropiacións masivas por parte do Estado de terras de grandes propietarios institucionais para vendelas posteriormente a propietarios privados: en 1836 a de Mendizábal, principalmente con terras da Igrexa e en 1855 a de Madoz, principalmente con terras dos concellos)

- Lamentablemente fracasaron ó comprar a maior parte das terra grandes terratenentes e continuar a terra en mans de moi poucos propietarios, non logrando o obxectivo de construír unha clase de pequenos propietarios que modernizara o campo.

- En Galicia había o problema adicional dos foros: un tipo de aluguer de terras por un tempo moi longo (50, 100 anos) que facía que nin os propietarios nin os campesiños tiveran incentivos para mellorar as terras.


A primeira revolución industrial en España:


- Se pode dicir en termos xerais que a revolución industrial fracasou en España. Só en Cataluña, Asturias e o País Vasco existiu unha industria de certa importancia, e con retraso con relación os principais países de Europa

- Existe varias razóns, entre elas:

Falta de poder adquisitivo dos consumidores: os baixos ingresos da maioría da poboación imposibilitaban que se creara unha demanda forte dos produtos industriais.

Falta de investimentos: a maior parte da poboación adiñerada non estaba interesada en "gastar" o seu diñeiro en proxectos industriais, conformábase con vivir de rendas

Falta de redes de transporte: o ferrocarril se comezou a construír en 1855 (en Galicia en 1873), moito máis tarde que os países pioneiros, e a rede era insuficiente, en parte debido á orografía española.

Falta de fontes de enerxía: debíase importar, cos custos que elo significaba.

Situación xeográfica: España está na periferia de Europa, lonxe do arco Londres-Turín que protagonizou a primeira Revolución Industrial

- En Cataluña existiron dende 1830 industrias téxtiles, favorecidas polo proteccionismo con este sector ó impoñer altos impostos de aduana (aranceis) ós tecidos ingleses

- En Asturias existiu industria siderúrxica, sobre todo por ter as poucas reservas de carbón de España alí; posteriormente, a industria siderúrxica se desprazou ó País Vasco polo apoio e o investimento dos Bancos de Bilbao e de Biscaia

A segunda revolución industrial en España:

- Unha importante crise agraria a finais do século XIX, debido á competencia dos novos países agrícolas como Arxentina ou EEUU, fixo que a economía se inclinara algo máis cara á industria. Ademais, a neutralidade de España na 1ª Guerra Mundial beneficiou a industria española, que seguía estando limitada en calquera caso a Cataluña, Asturias, o País Vasco e agora tamén Madrid.
- Os sectores máis importantes en España foron os mesmos que en Europa: siderurxia, automóbil, químico e construción.


A sociedade en España

- España compartiu a evolución cara a unha sociedade de clases, dividida entre a burguesía por un lado e os traballadores do campo e a industria por outro. Dentro de estes grandes grupos, en España existían dous subgrupos de especial importancia:

-        Terratenentes: pertencentes á grande burguesía, eran grandes propietarios rurais que mantiñan unha grande influencia na política e na sociedade e eran donos de enormes latifundios, principalmente no sur de España, aínda que existían en toda España.
-        Xornaleiros: traballadores do campo sen terras en propiedade ni aluguer, que traballaban os latifundios cando eran chamados e vivían nunha grande miseria e precariedade. Eran a maioría da poboación en rexións como Andalucía ou Estremadura.


Os movementos obreiros en España:

- O primeiro sindicato en España foi o Sindicato de Tecedores de Barcelona, creado en 1840. Na década de 1880 se crearon a Unión Xeral de Traballadores (UXT) e o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), principais sindicato e partido socialistas.
- O anarquismo alcanzou gran difusión en España, principalmente entre os obreiros cataláns e os xornaleiros andaluces. O sindicato Confederación Nacional do Traballo (CNT), principal representante do anarcosindicalismo, alcanzou máis dun millón de afiliados (afiliado é como se chama ó membro dun partido ou sindicato)
- En Galicia, os movementos máis implantados foron o socialismo no norte, principalmente en Ferrol e o anarquismo nas Rías Baixas, principalmente entre traballadores do sector pesqueiro.